Saturday 04 de May de 2024

A nova liña de axudas para entidades de iniciativa social de Galicia sobe o seu orzamento para os anos 2016 e 2017 un 61% ata acadar os 8,4 millóns de euros


Como principal novidade, este ano garántese que todos os comedores, albergues e centros de acollida recibirán subvención sempre que conten coa autorización oficial da Xunta

A Consellería de Política Social, a través Dirección Xeral de Inclusión Social, vén de aprobar a nova orde para a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e de inclusión social para os anos 2016 e 2017. En total, a nova liña de axudas contará cun orzamento de 8.345.308 euros para este bienio, o que representa un aumento do 61% respecto ao investimento realizado nos anos 2015 e 2016. Trátase do cuarto ano consecutivo no que se incrementa o orzamento destinado a esta convocatoria que será, por segunda vez, plurianual para dar resposta ás demandas das entidades e facilitar un prazo maior para executar as súas accións.

Como principal novidade, este ano garántese que todos os comedores, albergues e centros de acollida recibirán subvención sempre que conten coa autorización oficial da Xunta. Do total do orzamento da orde resérvanse 2 millóns de euros para este fin polo que se mantén o investimento realizado en 2015 e increméntase nun 35% o destinado na convocatoria de 2014 (1,5 millóns de euros).

Grazas a esta convocatoria as entidades poderán pedir anticipos da subvención para o desenvolvemento das súas actividades de inclusión. A nova convocatoria engloba tres liñas de axuda. En primeiro lugar a orde regula as axudas dirixidas á cobertura de necesidades básicas como o aloxamento e manutención, a través de subvencións aos centros de inclusión e emerxencia social (albergues, centros de acollida ou comedores sociais).

En segundo lugar, destaca o investimento a proxectos de carácter innovador ou complementarios aos servizos sociais comunitarios básicos (programas de convivencia, alternativa ou de fomento da cooperación). Ao abeiro desta liña de axudas fomentarase a atención para a inclusión social e o acceso ao mercado laboral das persoas en risco de exclusión social (itinerarios de inclusión sociolaboral ou apoio á conciliación) e tamén para a poboación inmigrante (mellora das competencias ou formación lingüística, entre outros). É de destacar, neste epígrafe, a incorporación dun novo programa de mediación intercultural dirixido a facilitar a comunicación e a convivencia entre persoas procedentes de diferentes culturas.

Como novidade, a orde incorpora unha nova liña de actuación en investimento en centros de inclusión e emerxencia social para a súa construción, ampliación, reforma ou mellora, así como a adquisición de inmobles, equipamento e moblaxe ou vehículos de transporte vinculados á prestación dos servizos propios do centro.

Por outra banda prestarase atención ao compoñente territorial das dinámicas de exclusión, subvencionando actuacións en territorios que padezan exclusión territorial severa por causa da dispersión, perda de poboación ou dificultades de comunicación.

Estratexia para a Inclusión Social de Galicia 2014-2020
A Estratexia para a Inclusión Social de Galicia 2014-2020, contempla como unha prioridade os procesos vinculados á inclusión social das persoas usuarias dos servizos, establecendo unha liña de axudas destinada ao desenvolvemento de accións de capacitación persoal para a mellora da empregabilidade das persoas en situación ou risco de exclusión social, así como ao traballo de acompañamento social e ao apoio preciso para facilitar a participación das persoas destinatarias nos proxectos de inclusión sociolaboral.

A Xunta de Galicia continúa, deste xeito, traballando pola inclusión social. A partida destinada ás persoas e grupos de poboación en situación ou risco de exclusión social conta neste exercicio cuns 97,8 millóns de euros, un 20,7% máis que no exercicio de 2015.